CLUB CICLISTA VERÍN
CAPÍTULO I:
NORMAS XERAIS:
Artigo 1º.- O Club Ciclista Verín é unha Asociación privada con personalidade xurídica e capacidade de obrar, integrada por persoas físicas, que ten como obxecto exclusivo ou principal a práctica da actividade física e deportiva polos/as asociados/as, así como a participación en actividades e competicións oficiais, sen ánimo de lucro.
Artigo 2º.- O Club Ciclista Verín practicará como principal modalidade deportiva a do ciclismo en carretera, e solicitará a ratificación dos Estatutos e a inscrición no Rexistro de Asociacións Deportivas e Deportistas de Galicia, de conformidade coa Lei Xeral do Deporte de Galicia.
O Club Ciclista Verín practicará así mesmo as modalidades deportivas de bicicleta de montaña, ciclo-cross, descenso, acrobacias, e todos os demais deportes relacionados coa bicicleta e para tal fin funcionarán as seccións deportivas correspondentes, sen prexuízo de que a Asemblea Xeral poida acordar a creación doutras.
Artigo 3º.- O domicilio social do Club Ciclista Verín fíxase na rúa Eloy Luis André núm. 6-2º-D de Verín (CP 32600), provincia de Ourense, teléfono fixo 988413302 e teléfono móvil 636913997, e-mail: clubciclistaverin@gmail.com.
O Presidente/a cando as circunstancias o aconsellen, poderá acordar o cambio do domicilio social dentro da mesma localidade. Para o traslado do domicilio a outra localidade, que deberá ser sempre dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, será necesario o acordo maioritario da Asemblea Xeral Extraordinaria.
En ámbolos casos, o traslado de domicilio social non implicará modificación estatutaria, e terá de ser notificado aos/as socios/as, e ao Rexistro de Asociacións Deportivas e Deportistas de Galicia.
CAPÍTULO II
CLASES DE SOCIOS, ADMISIÓN, DEREITOS E OBRIGAS
Artigo 4º.- O número de socios/as será ilimitado. A Asemblea Xeral poderá suspender, non obstante, a admisión de novos socios/as cando así o esixan razóns de aforo ou capacidade física das instalacións. Os/as socios/as poderán ser das seguintes clases: de número, honorarios, aspirantes e familiares.
Artigo 5º.- Son socios/as de número todas as persoas maiores de idade, que satisfagan a cota social establecida pola Asemblea Xeral.
Os/as menores de 18 anos, clasificaranse como socios/as aspirantes, tendo dereito ao uso das instalacións sociais mediante a cota que se fixe e pasarán automaticamente a ser socios/as de número ao cumpriren a maioría de idade.
Serán socios/as honorarios/as aquelas persoas ás que a Asemblea Xeral confira esta distinción e terán un posto de preferencia nos actos oficiais da sociedade.
Son socios/as familiares todas aquelas persoas que dependan economicamente dun socio/a de número e convivan con el no mesmo domicilio.
Artigo 6º.-
1.- Os/as socios/as de número terán os seguintes dereitos:
a) Contribuír ao cumprimento dos fins específicos da Asociación.
b) Esixir que a Asociación se axuste ao disposto na normativa autonómica deportiva e ao establecido no presente Estatuto.
c) Separarse libremente da Asociación .
d) Coñecer as actividades da Asociación e examinar a súa documentación, previa petición razoada ao Presidente/a.
e) Expor libremente as súas opinións no seo da Asociación.
f) Ser elector e elixible para os órganos de representación e goberno da Asociación, sempre que teña plena capacidade de obrar.
2.- Son obrigas dos/as socios/as de número:
a) Aboar as cotas que esixa a Asemblea Xeral.
b) Contribuír ao sostemento e difusión do deporte ou modalidades deportivas.
c) Acatar cantas disposicións dite a Asemblea Xeral, a Xunta Directiva ou Presidente/a, para o bo goberno da sociedade.
3.- Os/as socios/as aspirantes terán dereito a aproveitarse dos servizos e instalacións sociais da Asociación.
4.- Os familiares dos/as socios/as de número terán dereito a aproveitarse daqueles servizos e instalacións que se determinen, previo pago da cota fixada.
Artigo 7º.- Para ser admitido como socio/a, en calquera das súas modalidades, será necesario:
• Ter a idade sinalada para cada unha delas.
• Solicitude por escrito dirixida ao/á Presidente/a.
• Satisfacer a cota de ingreso correspondente.
Artigo 8º.- A condición de socio/a pérdese:
• Por vontade propia.
• Por falta de pago das cotas sociais durante tres meses consecutivos, previo requirimento de pago, e consecuente Resolución do/a Presidente/a.
• Por acordo do Presidente/a no seu caso, fundado en faltas de carácter grave, previa audiencia do/a interesado/a, que haberá de ser ratificado na primeira Asemblea Xeral que se celebre.
• Por calquera outra causa establecida na lexislación vixente.
CAPÍTULO III
ÓRGANOS DE REPRESENTACIÓN E GOBERNO
Artigo 9º.-
Son Órganos de representación e goberno do Club, a Asemblea Xeral e o/a Presidente/a.
Artigo 10º.-
O/A Presidente/a é o órgano executivo do Club, posúe a representación legal convoca e preside os órganos de representación e goberno executando os acordos destes.
O cargo de Presidente/a é a título gratuíto e carente de interese nos resultados económicos da explotación, por si mesmo ou a través de persoa interposta.
Será elixido mediante sufraxio libre, directo, igual e secreto por e entre os membros da Asamblea Xeral, cada 4 anos.
Artigo 11º.-
O/A Presidente/a cesará por:
a) Transcorrer o prazo polo que foi elixido/a.
b) Dimisión.
c) Falecemento ou incapacidade física ou psíquica para continuar no exercicio do seu cargo.
d) Aprobación dunha moción de censura pola Asemblea Xeral.
e) Inhabilitación por sentencia xudicial firme ou sanción deportiva.
Artigo 12º.-
1.- Como órgano complementario dos de goberno e representación poderá haber unha Xunta Directiva que actuará como órgano colexiado de xestión do Club, e exercerá as funcións que este estatuto lle confire.
2.- Os membros da Xunta Directiva serán designados e revocados libremente polo/a Presidente/a, debendo dar conta diso na primeira Asemblea Xeral que se celebre. Da mesma formará parte un Secretario/a e un Tesoureiro/a. Todos os cargos serán gratuítos e carecen de interese nos resultados económicos do Club por si mesmos ou persoa interposta.
Artigo 13º.-
1.- A Xunta Directiva quedará validamente constituída en primeira convocatoria cando concorran a ela a maioría dos seus membros. En segunda convocatoria será suficiente a concorrencia, polo menos, de tres dos seus membros e, en todo caso, do/a Presidente/a.
2.- A Xunta Directiva convocarase polo Presidente/a con dous días de antelación como mínimo, á data de celebración.
A Xunta Directiva quedará tamén validamente constituída, cando estean presentes todos os seus membros, aínda que non houbera mediado convocatoria previa.
3.- En especial corresponde á Xunta Directiva:
a) Dirixir a xestión do Club, velado polo cumprimento do seu obxecto social.
b) Formular o inventario, memoria e presuposto anual, que se someterá a aprobación da Asemblea Xeral.
c) Aplicar todas as medidas deportivas, económicas e administrativas precisas para o fomento e desenvolvemento do deporte dentro do Club.
Artigo 14º.-
O/A Secretario/a da Xunta Directiva coidará do arquivo da documentación, redactará cantos documentos afecten á marcha administrativa da Asociación e levará o Libro de rexistro de socios e o Libro de Actas.
Artigo 15º.-
1.- O/A Tesoureiro/a da Xunta Directiva será o depositario da Asociación, asinará os recibos, autorizará os pagos e levará os Libros de Contabilidade.
2.- Será obriga do/a Tesoureiro/a formalizar, durante o primeiro mes de cada ano, un balance de situación e as contas de ingresos e gastos, que se porán en coñecemento de todos os/as asociados/as.
Artigo 16º.-
1.- A Asemblea Xeral é o órgano supremo do goberno do Club e estará integrada por todos os seus socios/as de número.
2.- As Asembleas Xerais, tanto ordinarias como extraordinarias, quedarán validamente constituídas en primeira convocatoria cando concorran a ela a maioría dos seus asociados/as. En segunda e última convocatoria media hora más tarde, quedará constituída calquera que sexa o número de membros presentes. Entre a data de convocatoria e o día sinalado para a súa celebración terán de mediar, como mínimo, dez días naturais e non poderá transcorrer máis de 20.
Artigo 17º.-
A Asemblea Xeral convocarase polo/a Presidente/a a iniciativa propia ou do vintecinco por cento, alomenos, dos/as socios/as de número.
1.- A Asemblea Xeral reunirase con carácter ordinario, previa convocatoria do/a Presidente/a, alomenos unha vez ao ano para tratar das seguintes cuestións:
a) Memoria, liquidación do presuposto, balance do exercicio, rendición de contas e aprobación
se procede.
b) Presuposto para o seguinte exercicio.
c) Proxecto e propostas do Presidente ou da Xunta Directiva.
d) Proposicións que formulen os socios e que terán de ir asinadas alomenos, polo cinco por cento dos mesmos.
2.- Terá de se celebrar Asemblea Xeral extraordinaria para a modificación de Estatutos, elección do/a Presidente/a, toma de cartos a préstamo, emisión de títulos representativos de débeda ou de parte alícuota patrimonial, enaxenación de bens inmobles e fixación de cotas dos/as socios/as, e calquera outro acordo previsto nestes estatutos ou que se estime oportuno polo/a Presidente/a ou proceda legalmente.
Artigo 18º.-
Os acordos da Asemblea Xeral adoptaranse por maioría simple dos/as presentes, requiríndose unha maioría cualificada e un quórum determinado de asistencia para aqueles asuntos que establezan os estatutos. Serán vinculantes e de obrigado cumprimento e terán forza executiva a partir da data da súa adopción, sen prexuízo, por razón da materia, da posibilidade da súa impugnación perante os órganos competentes e da Federación Galega Deportiva da modalidade ou perante o Comité Galego de Xustiza Deportiva.
CAPÍTULO IV
RÉXIME DOCUMENTAL
Artigo 19º.-
O réxime documental do Club, constará dos seguintes libros: Rexistro de Socios/as, de Actas e Contables.
Artigo 20º.-
No Libro de Rexistro de Socios, terán que constar os nomes e apelidos dos/as socios/as de número, o seu Documento Nacional de Identidade –NIF- e, no seu caso, os cargos de representación, goberno e administración que exerzan no Club. Tamén hanse de especificar as datas de altas e baixas, e as de toma de posesión e cese nos cargos aludidos.
Artigo 21º.-
No Libro de Actas, consignaranse as reunións que celebre a Asemblea Xeral e a Xunta Directiva, con expresión da data, asistentes, asuntos tratados e acordos adoptados. As Actas terán de estar asinadas, en todo caso, polo/a Presidente/a e o/a Secretario/a.
Artigo 22º.-
Nos Libros de Contabilidade figurarán tanto o patrimonio como os dereitos e obrigacións, e ingresos e gastos do Club, debéndose precisar a procedencia daqueles e a inversión ou destino destes.
RÉXIME DISCIPLINARIO
Artigo 23º.-
Os órganos e socios do Club estarán sometidos ao regulamento disciplinario do Club e ao disposto no Título VII da Lei 11/1997 Xeral do Deporte de Galicia e normativa do seu desenvolvemento.
Artigo 24º.-
Así mesmo o/a Presidente/a e os membros da Xunta Directiva responderán fronte os socios, o Club ou terceiros dos prexuízos que ocasionaren por culpa ou neglixencia grave, de conformidade coa regulamentación propia do Club e o ordenamento xurídico vixente.
CAPÍTULO V
RÉXIME ECONÓMICO-FINANCEIRO E PATRIMONIAL
Artigo 25º.-
1. No momento da creación do Club deportivo, o patrimonio fundacional é: 0 €, e dispón das seguintes instalacións e locais propios: ningún.
2. No futuro o patrimonio do Club estará integrado por:
a) As achegas económicas dos socios, que aprobe a Asemblea Xeral.
b) As doazóns e subvencións que reciba.
c) Os resultados económicos que pode producir as manifestacións físico-deportivas que organice a entidade.
d) As rendas, froitos e intereses do seu patrimonio.
Queda expresamente excluído como fin do Club o ánimo de lucro e a totalidade de seus ingresos beneficios aplicaranse ao cumprimento dos seus fins sociais.
Artigo 26.-
O Club poderá gravar e allear bens, mobles e inmobles, tomar diñeiro a préstamo e emitir títulos transmisibles representativos de débeda ou parte alícuota patrimonial, sempre que cumpra os seguintes requisitos:
1.- Que se autoricen tales operacións por maioría de dous terzos dos/as socios/as presentes ou representados na Asemblea Xeral Extraordinaria.
2.- Que ditos actos non comprometan de modo irreversible o patrimonio da Asociación ou a actividade físico-deportiva que constitúa o seu obxecto social. Para a adecuada deste extremo se poderá esixir, sempre que o soliciten como mínimo o cinco por cento dos/as socios/as de número, o oportuno ditame económico-actuarial.
3.- Cando se trate de gravar ou allear bens, mobles e inmobles que foran financiados en ou parte, con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia será preceptiva a autorización previa do órgano competente da Xunta de Galicia.
Artigo 27º.-
O Club poderá emitir títulos de débeda ou de parte alícuota patrimonial, que serán nominativos. Os títulos inscribiranse nun libro que levará ao efecto no Club, no que se anotarán as sucesivas transferencias.
En todos os títulos constará o valor nominal, a data de emisión, e, no seu caso, o interese e prazo de amortización.
Artigo 28º.-
Os títulos de débeda só poderanse subscribir polos/as asociados/as, e a súa posesión non conferirá dereito algún especial aos/ás socios/as, agás a percepción dos intereses establecidos conforme á lexislación vixente.
Artigo 29.-
Os títulos de parte alícuota patrimonial han ser asemade, subscritos polos/as asociados/as. En ningún caso estes títulos darán dereito á percepción de dividendos ou beneficios.
Artigo 30º.-
Os títulos de débeda e parte alícuota patrimonial serán transferidos unicamente entre os que teñan a condición de socios/as.
CAPÍTULO VI
REFORMA DOS ESTATUTOS E DISOLUCIÓN DO CLUB
Artigo 31º.-
Os presentes Estatutos só se poderán modificar, reformar ou derrogar, por acordo da Asemblea
Xeral Extraordinaria convocada a tal efecto, mediante votación favorable dos dous terzos dos/as socios/as de número asistentes.
A reforma destes estatutos seguirá, con respecto ao Rexistro de Asociacións Deportivas e Deportistas de Galicia, os mesmos trámites administrativos que para a súa inscrición.
Artigo 32.-
O Club extinguirase ou disolverase por acordo de: a) de os dous terzos dos/as socios/as en Asemblea Xeral Extraordinaria, convocada ao efecto, b) por sentencia xudicial, c) por outras causas legalmente determinadas. En todo caso haberá de ser notificado ao Rexistro de Asociacións Deportivas e Deportistas de Galicia.
Artigo 33º.-
Disolto o Club, o remanente do seu patrimonio social, se o houbera, aplicarase a fins análogos de carácter deportivo ben por acordo previo da Asemblea Xeral ou subsidiariamente polo órgano competente en materia de deporte da Xunta de Galicia. Vº e Prace. O/A PRESIDENTE/A. Asdo.: José Luis Fernández Sampedro. O/A SECRETARIO/A. Asdo.: Álvaro A. Plata González. O/A TESOUREIRO/A. Asdo.: Luis Sobrino Blanco. VOGAL 1º (Vicepresidente). Asdo.: Luis Francisco Conde. e VOGAL 2º. Asdo.: Javier Estévez Estévez.
No hay comentarios:
Publicar un comentario